Thursday 02 de May de 2024

Medio milleiro de persoas participaron este domingo na Festa dos Maiores de Brión


Medio milleiro de persoas participaron este domingo 6 de setembro nunha nova edición da Festa dos Maiores de Brión, unha das máis antigas que se celebran en Galicia. O tempo acompañou, o que fixo que esta edición fose unha das máis animadas dos últimos anos e que foran moitos os veciños e veciñas que se animaron a botar unhas bailas, tanto antes como despois do xantar.

O Concello de Brión puxo a disposición dos maiores uns autobuses para recollelos polas distintas parroquias. A festa estivo presidida polo alcalde de Brión, José Luís García, que foi o encargado de dar a benvida a todos os participantes. Unha banda de gaiteiros puxo a nota musical, tanto antes como despois da misa celebrada no patio do IES Brión.

Ás 14:00 horas deu comezo o xantar de confraternidade no pavillón polideportivo de Pedrouzos, onde cada participante recibiu como agasallo un chapeu conmemorativo desta festa. Tras o xantar tivo lugar unha verbena popular, que rematou pasadas as oito da noite.